Á ATENCIÓN DO SR. ALCALDE, PRESIDENTE DO CONCELLO DE CABANAS André Martínez Ces, con DNI nº32.689.594-Q e Elvira Marta Bouza, con DNI nº32.690.972-Q, en representación das Marchas da Dignidade de Ferrolterra, con enderezo a efectos de notificación na Avda de Castelao s/n. Traseira do Mercado Municipal de Caranza, local de Arméria Sociedade Cooperativa Galega. 15406 – Ferrol, telefóno 605 455 340 e correo-e: [email protected], comparecemos e como mellor sabemos expoñemos: Que Cabanas é un concello pertencente a unha zona que esmorece económica e socialmente. As comarcas do noroeste galego, Ferrolterra, Eume e Ortegal, e en concreto os concellos da contorna da Ría de Ferrol, están padecendo de xeito significativo unha situación de paro insostíbel. Segundo os últimos datos publicados pola Consellería de Traballo, pasamos de ter, a 31 de Decembro de 2015, 16.880 persoas rexistradas no paro, agora, a 31 de xaneiro de 2016, 17.509 persoas, 629 máis. A zona rexistra uns altos índices de envellecemento da súa poboación e así como de desemprego, maiores que a media de Galiza, que son unha consecuencia, no fundamental, do declive industrial, social e económico que viven as comarcas no seu conxunto. Produto de situacións estruturais e conxunturais, tanto a nivel global, como local. Mais sobre todo das políticas emanadas das diferentes institucións europeas, estatais, autonómicas e locais que non foron capaces de solucionar a situación e menos acabar co sufrimento dunha parte moi importante da poboación. A cobertura económica do desemprego, non protexe a máis do 65% das persoas que están en situación de paro. Moitos mozos e mozas están aínda sen acceder ao primeiro emprego e case unha década en desemprego ou camiño da emigración. Non son os gobernos coas súas políticas os que solucionan o problema de falta de recursos económicos das persoas en paro, senón que son en maior parte as familias a través das axudas e o acollemento, as que cargan coa responsabilidade e fan o traballo paliativo do sistema. Moitas persoas xubiladas ven-se na obriga de renunciar a gozar da súa pensión, para situar-se na precariedade ao ter que axudar aos seus fill@s. Cun 10% de paro, o goberno de Francia declarou o estado de emerxencia económica e social. Claro exemplo de que aquí o problema do paro, con un 21% no estado español, 17,7% en Galiza e en Ferrol cun 26'2 (segundo aos datos da última EPA), até o de agora, non está sendo tratado coa máxima atención por parte das diferentes institucións. O 5 de Marzo do pasado ano 2015, as Marchas da Dignidade de Ferrolterra, entregabamos no rexistro na Xunta de Galicia 1.325 sinaturas, recollidas durante sete dias, diante das dúas oficinas de emprego que hai en Ferrol e que se ocupan de rexistrar as demandas das traballadoras e traballadores que viven nas comarcas de Ortegal, Eume e Ferrolterra. As persoas que asinamos demandabamos un PLAN DE CHOQUE CONTRA O PARO, coa urxente contratación a un número determinado de persoas e unha renda básica para todas as que están sen emprego e non teñen ningún tipo de prestación económica. No texto que acompañabamos coas sinaturas, solicitabamos á Xunta que fixese chegar aos concellos das tres comarcas estas demandas. Pasado este tempo, decidimos meter nos rexistros dos diferentes concellos da zona, este recordatorio para chamar á acción dos gobernos locais, ante o urxente problema de desemprego e empobrecemento da poboación. Polo exposto, SOLICITAMOS:

Primeiro.- Que teña a ben aceptar este escrito-demanda e que o goberno municipal que preside aborde este asunto, para nós, de vital importancia. Segundo.- Que se nos dea unha resposta e se nos expoñan as intencións do novo goberno municipal para plantarlle cara ao principal problema que temos nas comarcas, o desemprego e a insuficiente cobertura en prestacións sociais e económicas da poboación desempregada. Terceiro.- Solicitamos poder entrevistarnos co seu equipo de goberno para facerlle chegar o sentir das persoas que semana tras semana, durante 5 meses, nas portas das oficinas de emprego falamos de todos estes problemas, con centos de persoas e moita xente que non cría que ningún goberno se ía a preocupar polo paro de xeito real e práctico. Cuarto.- A zona, das tres comarcas, necesita un plan de emprego real e efectivo, coa reactivación dos estaleiros e a diversificación industrial, a potenciación do sector primario co saneamento integral da Ría de Ferrol e a potenciación do marisqueo, a posta en valor do monte e a potenciación da horticultura. Potenciación do cooperativismo e da economía social e solidaria no seu conxunto. Unha renda básica. Medidas estruturais a nivel europeo, estatal e galego que impliquen o reparto da riqueza e do emprego. No caso das Terras de Cedeira e Cariño hai que ter en conta a súa especial relación co mar. E por iso que presentamos cartas similares a esta, nos concellos que conforman a Mancomunidade de Municipios, e noutros que comparten servizos e estreitas relacións nesta zona do noroeste galego, para que se aborde a problemática concreta de falta de emprego e prestacións económicas básicas para poder vivir con dignidade, de xeito conxunto. Estas demandas precisan de recursos propios e doutros das administracións europea, estatal e autonómica. Precisan-se recursos para a elaboración dun PLAN COMARCAL DE CHOQUE CONTRA O PARO E DE CREACIÓN DE EMPREGO que non supoña só como até o de agora, destinar incentivos fiscais para empresas que contraten, ou de impulsar axudas para “promocionar” o traballo de autónomos; ou o ineficaz e fracasado pequeno apoio ao emprendimento; a desenfocada formación profesional sen planificación real das necesidades; ou subsidiar proxectos ao capital privado deitando millóns de euros a un saco sen fondo, como é o caso de Entaban Biocombustibles de Galicia, Biocarburantes Peninsulares, Infinita Renovables, Daxiong Spain ou Ferrol Container Terminal FTC que aínda non chegou a funcionar cando o tiña que estar facendo hai catro anos e que seguro que será un novo fracaso. Mais si propomos políticas de contratación directa polas propias administracións locais ou autonómica en planos concretos ligados á reciclaxe, á recuperación, á rehabilitación, á conservación de espazos naturais e públicos urbanos, aos coidados ás persoas, a apoios en centros escolares e centros de día para maiores, á promoción cultural, social e deportiva nos centros sociais para que estean operativos os 365 días do ano; á limpeza e mantemento, á loita contra o cambio climático, SOS social comarcal con albergues e dispensario sanitario, cociña pública comarcal para atender comedores escolares e sénior, … e en investigación, creación e a innovación. Agardamos que se poñan en contacto entre os diferentes concellos da zona e atendan ás nosas DEMANDAS que son de emerxencia social. Reúnan-se para elaborar o citado Plan e dar unha resposta conxunta e unitaria ao problema do desemprego nas comarcas do noroeste galego. En Cabanas, a 3 de Febreiro de 2016 Marchas da Dignidade Ferrolterra | Correo-e: [email protected] | Teléfono: 602 587 531 (Marchas) | Sitio de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ |

20160203-Cabanas-Carta-Plan-Comarcal-de Choque-Contra-o ...

Page 2 of 2. 20160203-Cabanas-Carta-Plan-Comarcal-de Choque-Contra-o-Paro.pdf. 20160203-Cabanas-Carta-Plan-Comarcal-de Choque-Contra-o-Paro.pdf.

53KB Sizes 0 Downloads 284 Views

Recommend Documents

No documents